16/02/2020

Democracia ou barbarie ?

Alemaña 1933


Cando o vello non remata de morrer e o novo non acaba de nacer prodúcense forzas tectónicas que poden rematar en fallas.

As forzas sociais non se poden conter con discursos almibarados mentres os que viñeron para defender os intereses dos de abaixo escalan postos no ranking dos de arriba (primeiro foi o chalet de Galapagar, logo viñeron os sillóns no Consello de Ministras e o futuro dirá onde foi parar a xustiza social que serviu de bandeirín de enganche para achegarse ao poder...)

Tales son as contradiccións que mesmo escenifican rupturas en positivo (cando a división fortalece electoralmente ao "inimigo") coma se entre Unidas-Podemos e Anticapitalistas Andalucía fose normal que unha vez alcanzado o poder dentro do goberno de coalición co PSOE as bases electorais que fixeron posible o pacto "contra natura" fosen prescindibles...  

Botemos un vistazo a Europa, unha muller conservadora -pero intelixente e dura de pelar- como é Angela Merkel non atopa siquera un recambio que na patria do nazismo poda evitar alianzas perigosas. É como si o mundo da sensatez e dos dereitos humanos comezara a derrubarse precisamente dende que Merkel abrira (ou intentara abrir) as fronteiras de Alemaña aos refuxiados da inxusta guerra de Siria (hoxe casi desaparecida dos xornais pero máis viva que nunca)... 

Nese punto comezaron as forzas tectónicas a presionar, ata tal punto que a gran timonel orixinaria da RDA tivo que modificar a política de asilo europea e financiar os "campos de concentración" primeiro en Grecia e logo en Turquía (externalizando o problema e deixando no limbo a situación Libia convertendo o Mediterráneo nunha fosa común sen nomes nin lápidas...) Semella que estamos ante a mesma e terrorífica lóxica aplicada en Auschwitz coñecida como "solución final".

Por iso estamos preocupados polo futuro democrático das nosas sociedades opulentas (onde os cans gozan de máis dereitos que os veciños) e sinalamos aos responsables: aqueles que fixeron da política unha actividade para alcanzar o poder persoal, que lles permite medrar económica e socialmente son responsables de estender entre a poboación a perigosa idea de que unha ausencia total de ética é beneficiosa e ademáis resulta socialmente aceptable. 

Non falamos dos casos de corrupción reclamados xudicialmente, falamos do ascenso persoal (algúns dirán lexítimo) que se fai a través do ascenso ao poder político (dende as comunistas con salarios de 96.000 € por sentar na Mesa do Parlamento de Galicia, ata a feminista do Calvario que reside nun exclusivo chalet da illa de Toralla e preside a Deputación de Pontevedra grazas á alianza co BNG, pasando por quen logo de traizoar a confianza depositada nela por un Beiras Irmandiño ascende ao Ministerio de Traballo forzando as costuras da coalición Unidas-Podemos para se presentar ás eleccións por Pontevedra...)

Son só algúns exemplos de como o cinismo político rematará necesariamente en falla electoral. 

¿De que preocuparase cando a democracia consiste precisamente na posibilidade de prescindir daqueles que non cumpren coas expectativas prometidas? 

Ese é precisamente o problema: cando a inmensa maioría de opcións políticas "sensatas" vólvense cínicas e buscan exclusivamente o poder e non a transformación racional da sociedade é cando aparecen os problemas (cando resucitan os monstruos).

Os que teñen solucións fáciles para calquera problema complexo son elixidos por multitudes escarmentadas por tanto cinismo político. E democráticamente ascenden ao poder aqueles que resucitan os instintos máis baixos da humana condición. Dende os tempos do FIS en Alxeria semella que non aprendemos nada: cando a solución para un proceso de descolonización caeu nas mans da Fronte Islámica de Salvación (FIS) a guerra civil encheu de sangre o país máis civilizado do Magreb. 

Hoxe damos por bo o comportamento de algúns prófugos da xustiza que habitan no corazón de Bruxelas (parlamentarios pola gracia da democracia formal), aceptamos a toma de posesión de cargos institucionais sen acatar a Constitución do 78 (que de momento é a única en Dereito realmente existente) e mesmo aplaudimos ausencias antidemocráticas que negan a lexitimidade dun Rei constitucional cando exerce a Xefatura do Estado (a mesma xefatura que habilita coa súa sinatura os cargos de ministras, as actas de deputadas e mesmo os títulos universitarios que ostentan as súas señorías). ¿Estamos ou non estamos a xogar con lume? 

Semella que a nova república non remata de nacer... precisamente porque os que deberan traballar para facela posible son os primeiros en desertar das súas obrigas políticas, convertíndose unha e outra vez nos paniaguados do vello réxime do 78 que tanto din denostar. 

Coidado coas fallas democráticas, en 24 horas, as urnas poden traernos un panorama devastador...!

6 comentarios:

Boga con dous remos...