Pleno VGO
Alternativa democrática ao bloqueo no Concello de VGO
É certo que a cidadanía votou
Abel Caballero e ninguén pode cuestionar a súa maioría absoluta, o
que sí podemos e debemos cuestionar son certas formas absolutistas
na toma de decisións e mesmo nos regulamentos internos do Concello
que son causa de moitos sinsabores para aqueles que precisan dunha
xestión verdadeiramente democrática (é dicir, unha xestión na que
os dereitos sexan iguais para todos, e todos teñamos oportunidade de
denunciar un mal funcionamento das Institucións sen ter que pagar avogados e procuradores para algo que é de
sentido común resolver falando!)
Así nace esta iniciativa cidadá
que imos chamar #PlenoVGO e imos probar se Twitter serve para algo
máis que rechouchiar as frustracións colectivas. Non me gusta nada
a vida nas redes sociais, pero debemos recoñecer que medio mundo
habita nelas, e quixeramos sacarlle certa utilidade democrática.
Aproveitando a súa horizontalidade (en principio na rede calquera
pode falar, e ninguén ten a vara de mando para facer calar!)
quixeramos convidar a tódolos que consideren que a súa voz non está
a ser verdadeiramente representada nas Institucións para falar
nestes Plenos Virtuais.
O uso dunha única etiqueta
(hashtag, qué nome máis ridículo!) pode chegar ben lonxe se
tódolos participantes empregamos únicamente estas etiquetas dun
xeito intelixente: #PlenoVGO #Vigo #Galicia (ou calesquera outras que se irán acordando nos propios fíos desta inciativa)
Dez anos atrás creamos un
grupo chamado VigoDenuncia nunha rede fotográfica
Flickr (non demasiado popular) e tódolos meses enviamos informe vía e-mail ao Pleno do Concello de VGO.
Nin que decir ten que o resultado
foi sempre o silencio espeso. Nin goberno nin oposición tiveron a
ben considerar as denuncias que aínda hoxe figuran
colgadas nas páxinas de VigoDenuncia.
Despois tentamos chegar vía Twitter
para facer máis visibles as denuncias colgadas no grupo, pero este
ano 2019 coa aplastante maioría absoluta do Caudillo Local, bloquearon a miña conta supoñemos que para evitar molestias e impedir a difusión
das denuncias (Abel Caballero e Carmela Silva
puxéronse de acordo para bloquear e silenciar a palabra da cidadanía en VGO!)
Cremos na liberdade de expresión
como dereito fundamental de calquera sistema democrático, cremos
tamén na liberdade de información como garante da transparencia que
fai posible unha gobernanza amable das cuestións que afectan ao común.
A primeira queda cercenada ao
bloquear as contas dos “disidentes” a segunda -a liberdade de
información- está a ser corrompida vía subvencións aos grandes
medios de comunicación (Faro de Vigo, Voz de Galicia, TeleVigo...)
que durante a pandemia activaron prácticas neoliberais, coma os “muros de pago” (ou pagas dúas veces ou non tes acceso á información!)
En resumo: tentamos influir dalgún xeito no bo goberno da cidade, pero estamos illados ou perdidos nas redes sen que a nosa voz teña un lugar público, aberto á participación de todos!
Os partidos políticos sabemos
que teñen outros intereses (escanos, cargos públicos, etc.) Invitamos aos
partidos políticos ao debate público vía #PlenoVGO pero quede claro que alí ninguén poderá bloquear o que non lle guste... e no
caso de que suceda, a asamblea soberana, poderá votar o ostracismo
da persoa que sexa denunciada por prácticas antidemocráticas!
Aquí o ostracismo tería máis repercusión que unha condena do Supremo; no caso de que alguén solicite votación de OSTRACISMO o cidadán mantén o dereito fundamental a se
defender ante todos, pero se logo dun tempo prudencial (poñamos 3 meses) a
asamblea soberana vota por folgada maioría solicitar a condena ao ostracismo (dez anos fóra da polis na Atenas de Pericles!) todos estaríamos comprometidos a “bloquear” a conta da persoa en
cuestión !
Digamos que o proxecto é
horizantal, aberto, libre, sen compromisos de ningún tipo, e busca
únicamente un consenso cidadán disposto a mover o bo goberno da
institución pública que nos pertence a todos por igual, voten o
que voten e pensen o que pensen!
Quixeramos que fose o lugar onde
a palabra e os argumentos venzan e convenzan e non os tícs
autoritarios que estamos a padecer.
Teremos éxito na medida
das nosas forzas e do tempo que sexamos quen de empregar para
argumentar, propoñer e publicar emendas e proxectos que
precisamos levar adiante nunha cidade viva e aberta!
Como xa sabemos que non debemos agardar resposta
algunha da Institución, sería a propia rede mediante as etiquetas #PlenoVGO e outras asociadas a que se
encargaría de manifestar a nosa indignación (non cremos en absoluto
nos chamados trending topic, nin os buscamos, nin son necesarios, pero sabemos que algunhas persoas os necesitan máis co aire que
respiran: Abel Caballero e Carmela Silva)
O proxecto quere ser un camiño
democrático para facer chegar a nosa voz máis lonxe e ir tecendo unha Verdadeira Rede Social Cidadá ! (non xa virtual, senon corpórea que poda volver encher as prazas públicas nas que compartir a vida!)
*Nota sobre o anonimato :
Consideramos que as “listas
negras” son práctica habitual no mal goberno da cidade. Estas
malas artes son empregadas por algúns para silenciar ao mensaxeiro!
É por iso que lonxe do tópico de que o anonimato é contraproducente, aquí valoramos o dereito á propia imaxe e á
liberdade de expresión que poderían verse coartadas cando a identidade é pública e as persoas poden ser sinaladas polo sempiterno delator infiltrado. Para garantir a máxima liberdade respectamos escrupulosamente o anonimato
neste proxecto cidadá.
É cousa de cada quén decidir
como quere intervir no espazo público: tanto nos tén que veñas con
burka ou non, o que importa é tratar os temas e buscarlle solucións, o resto deixámollo a partidos, asociacións e sectas de todo tipo que precisan DNI e Telefone...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Mellor se bogamos con dous remos...