03/08/2026

Parque Rosalía Mera

 


A súa filla, Sandra Ortega, que preside a Fundación Paideia tomou unha sabia decisión en 2024, adicar a parque público unha boa extensión de terreo que contaba con licenza para 80 vivendas adosadas e considerando que xa había casas abondo no Concello de Oleiros, enténdase casa para ricos pois a pesares do alcalde “comunista” o Concello de Oleiros disfruta da renda per cápita máis elevada dos 313 concellos galegos.

Sandra pode tomar a decisión en favor de veciños e Planeta precisamente porque non ten necesidade de amasar maior fortuna da que xa ten. 

E probablemente pola súa experiencia familiar sabe que o camiño do capital non ten fin... como decía Aristóteles o diñeiro é o único ben que nunca ten límite, sempre podes ter máis e nunca estarás satisfeito.  

O capitalismo é unha enfermidade que non só padecen os ricos, é unha gravísima enfermidade que padecemos todos no Planeta Oleiros.  Sandra decatouse de que a vida sí ten límite, ninguén pode mercar un minuto más do tempo que lle toca vivir. Nin a enorme fortuna do seu pai Amancio Ortega (aproximadamente 70.000 M€) pode mercar dez minutos máis do tempo de vida asignado pola Natureza. Algúns pensarán que o mellor que pode facer unha persoa é aumentar o seu capital, nunca se sabe o que te pode deparar o futuro e nunca está de máis ter fortuna suficiente para o que poda vir: epidemias, enfermidades raras, guerras, desastres a resultas do cambio climático, etc.

Claro que o peto non che vai servir de nada ante a rotura dunha presa que leve por diante milleiros de afogados, ou se te ves rodeada por un incendio e morres queimada dentro do teu flamante vehículo eléctrico...por moito que podas pagar un bo enterro...

Sandra tomou outra decisión, precisamente porque pode tomala, e foi deixar de construir vivendas nun municipio onde xa hai demasiadas, e ceder un espazo refuxo para a biodiversidade a carón do mar en Santa Cruz de Oleiros en lembranza da súa nai Rosalía Mera e para agasallo dos veciños que circundan a parcela, e tiveron a sorte de non ser devorados por outra macrourbanización para fortunas de alto poder adquisitivo (máis de 600.000 € por vivenda en Oleiros).

O que vai ser un luxo é poder escoitar os cantos dos paxaros e pasear e sentar á sombra dunha nogueira mentras comes unha empanadilla e bebes un zume ou un vaso de viño nas mesas de madeira que adornan o parque.  Cando pasen dez ou vinte anos as árbores recén chantadas medrarán e encherán de frescura o que hoxe aínda é unha parcela libre de vivendas adosadas e que grazas aos coidados da Fundación Paideia conta cun servizo de xardiñeiría competente que vai dando forma a un espazo onde sementar un refuxio para a paz o silencio e a biodiversidade.  

O tempo dará e quitará razóns: non o fai quen quere, faino quen pode !  

Grazas Sandra !

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Navegaremos mellor con dous remos...