mércores, outubro 02, 2019

Algo está a pasar...



A liberdade de prensa está transformándose en prensa de pago, as redes sociais bloquean ou silencian aos usuarios díscolos, a capacidade de facer calquera crítica está cada vez máis lonxe da xente. Á vez as televisións convírtense masivamente en medios de opinión pública bombardeando á cidadanía sen compaixón vía comentaristas dunha pura especulación tediosa (tanto tempo en campaña electoral permanente que xa ninguén soporta as mentiras nin as medias verdades!)

Pero imos por partes, que os xornais directamente "subvencionados" polo poder político sexan os primeiros en pechar as súas edicións esixindo un copago pola información é, cando menos, curioso: os cartos recibidos de gobernos locais e  autonómicos lles dá unha vantaxe competitiva e os envalentona para cobrar dúas veces polos contidos que publican, limitando as informacións libres ao estrictamente protocolario: se queres saber algo diferente, paga!

A liberdade de prensa está no aire, e o dereito a unha información veraz está cada vez máis lonxe do común dos mortais, así os estados de opinión vanse conformando a un único mantra repetido ata a náusea en tódolos medios (o relato!).

A información degrádase nun conto para nenos carentes de criterio (hoxendía ata os nenos teñen criterio propio!) Sen o dereito a unha prensa libre a democracia esmorece! Este semella ser o fin dos muros de pago: levantar muros de silencio!

Cada día volvémonos máis papanatas, xa nin falamos entre nós, porque todos recibimos exactamente as mesmas noticias, a mesma desinformación. Prodúcese así un silencio cómplice co statu quo, a vida é como é e non hai que lle facer... Calquera que desexe ir máis alá dos lugares comúns convírtese en "sospeitoso" que precisa de tratamento psiquiátrico que o integre no  espléndido mundo dos silencios cómplices.

Outros cren estar a salvo nas redes sociais (que nin son redes, nin son sociais!) onde habita o "algoritmo" que controla, filtra, censura e bloquea comentarios inoportunos. Cando a máis poderosa das "rateiras mediáticas" (Facebook) recoñece públicamente a existencia de 2.500 MILLÓNS de contas falsas nos seus servidores, nin siquera é unha noticia digna de mención!

Aínda así -diredes- existe algunha prensa "seria" que mantén certa ética xornalísica e que permite facer comentarios sempre que non se vos ocorra engadir enlaces a outros medios que melloren a comunicación (La Vanguardia), esta conducta é considerada spam e está rigorosamente prohibida.  Se queres comenta minuto a minuto, de xeito que a túa crítica dure exactamente un minuto na rede, o tempo que tardará en publicarse a seguinte noticia (silencio programado).

Como curiosidade, un xornal que hai dez anos era o líder da censura, que filtraba tódalas mensaxes en función dun único criterio "amigo-inimigo" agora é un dos máis comprometidos coa liberdade absoluta para enlazar calquera páxina, blog, vídeo, ou tuit sen restriccións (El Pais - Cadena SER). Mesmo implementaron a figura do "Defensor do Lector" que no caso de erros graves nas publicacións son quen de editar non só unha fe de erratas senon mesmo unha columna enteira rectificando a información errónea (claro que o fan logo de seis meses!

Semella que El País aprendeu a lección: poñerlle portas á liberdade de expresión e de información conduce á irrelevancia do medio, provocando unha dramática caída na confianza dos lectores!

En Galicia debe ser este o obxectivo: converterse en irrelevantes! Publiquen o que publiquen é así e así debe ser! Para iso son a prensa subvencionada que mantén a diario a gran mentira de que todo está como debe estar. Que calquera cambio é sempre contraproducente (para os seus intereses!)

Chegados aquí conviría preguntar canto gastamos en construir estes muros de silencio? 

A Xunta de Galicia mediante "concursos amañados" financia á prensa-amiga con 15 millóns neste 2019 (suliñar que estamos en ano tetraelectoral: xerais anticipadas 28A, municipais, autonómicas 
-para algúns- e europeas 26M, e de sobremesa a repetición das xerais 10N) Todo un agasallo económico para os medios que están a levantar muros de silencio e de copago! 
(mención especial merecen o Faro de Vigo e La Voz de Galicia

A moita distancia pero non por iso de menor impacto está o Concello de Vigo (para ser precisos Abel Caballero!) que agocha en "contratos menores" sen publicidade e a dedo 784.000 € no ano 2018, para actualizar os datos cómpriría ter un "becario" a tempo completo que siga rebuscando nas páxinas de "transparencia" (nunca a transparencia foi tan opaca!) e averigüe canto diñeiro público foi parar á propaganda no "ano das luces" 2019.
(especial mención merecen TeleVigo e Faro de Vigo


En resumo, cos nosos cartos aplastan a democracia enterrando a liberdade de prensa para que outros vivan das institucións!

Agora xa podemos votar con "plena liberdade" sabendo que xamáis teremos unha verdadeira información!

Algo está a pasar, a ninguén lle importa !



Adenda:

Tenten intervir nas redes e comprobarán como os políticos son os primeiros en bloquear e silenciar inoportunos comentaristas.

Son democráticamente elixidos -todos coinciden na importancia da participación cidadá para mellorar a calidade das institucións- pero o seu comportamento está moi lonxe destas afirmacións:

O comportamento dos políticos mostra con claridade outra realidade:

-- Parece mentira que se atrevan a levarnos a contraria!
-- Difaman e terxiversan o sentido das nosas palabras!
-- Nós estamos lexitimados polas urnas para establecer un relato construído con moito esforzo!
-- Os lacazáns colgan un tuit falso e botan por terra a nosa credibilidade!
-- Debérase lexislar para impedir aos trolls intervir nos medios!

E logo de medio minuto dánlle ao botón do pánico:

-- Bloqueado!  Non darás máis a lata e poderemos construir o "noso relato" sen interferencias!

Silencios e rechouchíos: borregos seguindo a borregos que van por diante ?

Aceptamos que os medios e as redes funcionan así, que este comportamento é normal, que é democrático bloquear ou silenciar ás persoas que non pensan coma nós, e o facemos de xeito automático, a golpe de clic.

-- Sen dar razóns, total para que...?
-- Eso sería como "alimentar ao troll" (nós estamos por riba desa trampa!)

Silencio!

Somos cómplices de considerar a liberdade de expresión cousa do pasado!

Cando pagamos dúas veces estamos mellor informados ?

3 comentarios:

Mellor se bogamos con dous remos...