16/01/2023

O fin dunha época !

Aproximadamente pasaron 14 anos dende que iniciamos a denuncia do que daquela case ninguén quería ver… tiñamos un alcalde que non deixaba de falar e facer declaracións onde él nunca tiña culpa de nada, onde todos estaban sempre equivocados agás él… 

Daquela pensabamos que unha oposición civilizada obtería algún resultado.  Creamos un grupo de fotodenuncias e enviamos puntualmente correos-e ao Pleno do Concello de Vigo (a tódolos grupos políticos con copia á Secretaría do Pleno e por suposto ao Presidente do Pleno).

Nunca tivemos resposta a estas comunicacións nin de concelleiros/as nin dos grupos políticos…

Parece evidente que facer “oposición civilizada” foi unha absoluta perda de tempo… 

Tódalas denuncias realizadas así como as críticas argumentadas non serviron para nada…

Ninguén tivo o valor de enfrontarse directamente con Abel Caballero nin siquera con Carmela Silva… (caso Cuñada mediante) Está claro logo destes 15 anos que a perversa política sectaria de Abel segue dando medo á xente… 

Ninguén abriu un debate serio sobre os Dereitos e Liberdades da Cidadanía en Vigo… nin siquera cando a Policía Local comezou a ter comportamentos e usos e abusos partidarios… disque reciben ordes, pero nunca se valora se esas ordes están dentro da legalidade ou non.

De feito, as únicas persoas que se enfrontaron directamente con Abel foron Juan e Danciu, ambos expulsados pola Policía. Juan foi quen de manter a maior protesta da democracia, na Praza do Rei acamparon durante 3 anos e 1 mes para denunciar a miserenta política social de Abel Caballero que nin siquera permitía permanecer nin pernoctar no Albergue Municipal máis de 10 días consecutivos. 

A Policía encontrou a disculpa perfecta cando cos Decretos do Goberno na Pandemia, e por motivos de hixiene pública, foi levantada a Acampada contra A Pobreza de Vigo!

Lagarder Danciu  –activista social, rumano, xitano e homosexual- foi quen de chamarlle a Abel polo seu nome: “mafioso e corrupto”, a berros e ás portas do seu despacho na Alcaldía, foi identificado pola Policía e fixéronlle a vida imposible (abríndolle un expediente de expulsión do país, tan ilegal coma abusivo e falso) ata que marchou de Vigo!

Os grupos políticos estaban moi ocupados presentando mocións que eran machacadas nos Plenos e por riba tiñan que soportar o recochineo do grupo maioritario e do Alcalde nas roldas de prensa… ata que modificaron o Regulamento do Pleno e nin siquera tiñan oportunidade de denunciar as perversas consecuencias da política autoritaria de Caballero…

Ao longo destes 15 anos únicamente o Colectivo Os Ninguéns  mantivo puntualmente a denuncia social contra o senfogarismo e as persoas empobrecidas ás portas do Concello; axudando directamente ás mulleres con fillos desfiuzadas, que en moitos casos víronse obrigadas a abandonar Vigo. 

Así avanzou a Xentrificación co pelotazo do Barrio do Cura… e seguro que veremos a Panificadora reconvertida en zona residencial… Haberá que recordar que logo de subastar reiteradamente 40 pisos de propiedade municipal, Abel prometeu por activa e por pasiva que as novas edificacións terían un 30% de vivenda protexida.  Ninguén sabe que quería dicir “protexida”: un apartamento de 60 m2 sen vistas (un semisótano) pode saírche por 300.000 € e súmalle un 4% de euribor…


Da última tortura recente “Movida do Nadal” (dous meses colapsando o tráfico e atormentando aos veciños da zona Centro) ninguén coñece os resultados económicos do lobby turístico Zona Náutico, pero seica existe unha empresa pantasma que vai tributar beneficios a Madrid…

Os distintos colectivos que aínda non foron recibidos por Abel (nin o serán na vida) comezan a estar fartos da omnipotencia antidemocrática do vello gaiteiro… intentarán xuntar forzas e recursos para levar adiante algún tipo de estatexia común que permita a recuperación dos dereitos cidadáns para todo o mundo !

Veciños Zona Centro * Grupos en Loita * Gasolineras a cen metros *  Afectados Vial Beade 

Defensa Parque García Picher * Bembrive en Pé  * Vigo Histórico 

O último en chegar a este baile de máscaras é un lacónico manifesto co título: “Non a Caballero” lanzado con gran valentía persoal por Manuel Forcadela que recolle sinaturas –coma outros- na plataforma Change.org 

Aínda que a estas alturas apelar ao universalismo kantiano non parece que sexa un referente moi popular nin doado á comprensión da poboación que apoia maioritariamente a Caballero!

Apelar á obriga moral dun sector da poboación formada e reflexiva é considerar que existen clases privilexiadas por riba do ben e do mal (cousa moi pouco democrática) e que esas clases –de existir- se non se pronunciaron nunca antes dun xeito público e notorio… semella quimera pensar que se vaian pronunciar agora (cando máis se benefician do silencio cómplice).

Haberá que admitir que os xuizos morais utilitaristas declaran sempre que “os bos e xenerosos” son os nosos (pura endogamia) mentres os demáis a penas sí son idiotas ou imbéciles que están aí para dicir amén ao que lles poñan por diante…

Con este argumentario damos a razón a Caballero: él tamén pensa que tódolos que non participan dos seus caprichos narcisistas son “antivigo” (unha categoría ben definida e que non inclúe tacha moral algunha), así todo o mundo entende que se non estás con él, estás con outros que están contra del…!

Cando no manifesto se afirma que “comunidades enteiras foron seducidas con reclamos inmorais” parece afirmarse que as masas populares teñen certo gusto pola inmoralidade… De ser así, nada se poderá facer…!

O carallo será determinar quenes foron eses comunicadores, ensinantes e colectivos profesionais médicos, avogados, arquitectos, xuíces, sacerdotes- que durante anos non souberon distinguir entre o “políticamente correcto” e a “inmoralidade

Velaí o problema: non podemos apelar a unha moral universal cando ninguén a defendeu con argumentos racionais e moito menos aínda cunha praxe exemplar na vida social de todos nós…

Esa conciencia moral, que funda un Dereito Universal non teñen quen os defenda hoxe no mundo, onde os intereses partidarios secuestran a nosa “conciencia” ate o punto de impedir absolutamente sumar forzas cos outros (convivir). 

O individualismo máis radical vaise impoñendo día a día afastándonos de todo canto semella ser colectivo ou comunitario agás as cousas que consideramos valiosas para o noso éxito persoal.

Así é como nacen as Tiranías: ofrecéndolle a cada quen o que semella precisar, anulando así a súa conciencia moral a cambio dun posto de traballo ou subvención que compra vontades e regala recoñecemento público (Vigueses Distinguidos, cómpre repasar a lista nos últimos anos!)

Mentras non sexamos quen de rexeitar eses seductores ofrecementos, non recuperaremos a liberdade nin a conciencia moral que nos permita camiñar cara un futuro fraterno mellor para todos…

E iso sábeno ben os 19 membros da Corporación que comen da man de Abel Caballero!

De nós depende que cada vez sexan menos os que medren baixo a tutela do Tirano de Vigo!

Presentemos unha candidatura libre de sectas (universalista) na que calquera sexa igual a calquera sen máis requisito ca pública razón, e igual levamos unha sorpresa… e igual recollemos os votos da razón dos excluídos da cuchipanda… Bastará ese feixe de votos para que algúns deixen de vivir da Tiranía…

E serán eles os primeiros interesados en declarar contra o Tirano, pois perderon os privilexios…!

E coma castelo de naipes desaparecerá o feitizo (a hipnose colectiva, a alienación…) e Vigo volverá a ser coma calquera outro lugar do mundo, no que haberá ricos e pobres, mulleres i homes, pero desaparecerá o medo a dicir o que pensas, e non precisarás enchufe para resolver o labirinto burocrático deste Concello convertido, dende hai 15 anos, na Administración Paralela do Tirano! 

E cicais Vigo volva ser unha Cidade Normal no Mundo! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Boga con dous remos...