sábado, 25 de marzo de 2017

O problema da esquerda

Semella que estamos moi lonxe dese "home novo" que vaticinaba Karl Marx aló polo 1859 cando escribía a súa "Contribución á crítica da economía política", esta esquerda actual dí loitar contra as políticas neoliberais mentras cobran soldos de infarto por facer crítica do sistema. Digamos que os salarios no sistema capitalista representan a capacidade de xerar nova e maior "plusvalía" ao capital pero estes "novatos" o único que fan é criticar esa mesma xeración de competitividade do sistema mentras embolsan salarios que non merecen.

Existe pois unha grosa contradicción que calquera é capaz de detectar: se o sistema é tan perverso, ¿por que son eles os primeiros en beneficiarse dos salarios deseñados para producir máis e mellores taxas de ganancia ao capital? Digámolo todo, a dereita leva toda a vida embolsando eses mesmos salarios e transferindo cartos públicos (impostos e taxas) ás contas de resultados das empresas privadas, que á vez ceden parte desas suculentas ganancias aos partidos políticos socialdemócratas.

E digo socialdemócratas porque nesto todos coinciden: dende a financiación escandalosa do PP, pasando por 4% de CiU, e tódalas privatizacións incentivadas polo PSOE onde goberna. Por iso todos din querer ocupar o centro político, porque é aí onde se poden facer mellores e máis suculentos contratos público-privados e transferir taxas de ganancia ao capital, que logo revirte en suculentas portas xiratorias que fan medrar aos individuos que os promoveron mentras ocuparon cargos públicos.

Ata aquí non hai nada novo. Agora deberamos ser xustos con Podemos (novo partido recén chegado) que reduce eses salarios a 3 SMI mentras fai donación do excedente para fornecer "Fundacións Privadas" que financian proxectos de economía social ou calquera outro servizo á comunidade.  Non está mal predicar co exemplo, pero nótese que esas fundacións son privadas e non públicas. Polo tanto, e a pesares da boa intención de realizar unha transferencia de capital social, a súa xestión aínda non é suficientemente transparente nin é de gran envergadura como para producir un cambio cualitativo na percepción social dese esforzo económico en favor dos máis desfavorecidos. 

Cicais porque non chega aos máis desfavorecidos do sistema, senon simplemente aos máis próximos aos proxectos alternativos que non acadaron aínda cargos electos nin emolumentos suficientes como para escandalizar a ninguén. Digamos que son os becarios do partido emerxente e amplian a súa base social, grazas a certos incentivos puntuais que se ben teñen interese social é difícil saber se xeran plusvalor ao capital (alugueiro de locais, equipos informáticos, megafonía, vehículos...) ou convertese en capital social grazas ás tarefas que realizan (axudas directas aos máis desfavorecidos, rentas de inserción, cooperativas de economía social, economía do ben común, etc...) 

Aínda estamos moi lonxe de poder avaliar este experimento, pero alomenos deberamos recoñecer que no panorama político actual son os únicos que ofrecen esta iniciativa para transferir diñeiro público ás necesidades da cidadanía.

Tódolos demáis grupos políticos enchen os seus petos sen rechistar e mesmo pelexan polos complementos das comisións e demáis cargos retribuídos nos Parlamentos sen rubor algún. Mesmo habería que dicir que quen non o fai é considerado parvo de vez, se xulgamos pola puñadas que existen para copar eses fantásticos lugares nas listas electorais que dan lugar a obter eses beneficios.
Que fai a Vicepresidenta da Mesa do Parlamento de Galicia cos 5.032 euros ao mes que ingresa presentándose coma secretaria do Partido Comunista de Galicia e coordinadora de Esquerda Unida?  Se non é unha pura contradicción, cando menos debera resultarlle bochornoso!  Pero non vimos ata o de agora que ninguén lle saque ás cores a representante algún da chamada "nova política emancipadora" por este tema.

Se alguén considera que estes cartos son o chiculate do loro da democracia anímolles a facer as contas e multiplicar os cargos políticos en Concellos, Deputacións, Parlamentos autonómicos, Cabildos insulares, Cidades autónomas, Congreso e Senado, Consellos Escolares, Sociais, de Estado e sumarlle tólodos cargos de aseseores que acompañan a procesión democrática.

Pero estabamos a falar das contradiccións da esquerda, a dereita e os socialdemócratas -que xa son todos- non teñen contradicción algunha, pois colaboran co sistema do capital e son recompensados xenerosamente por construir o entramado legal da chamada superestructura xurídica e ideolóxica que mantén o actual statu quo.

A esquerda non contenta con manter as contradiccións fai un chamamento contínuo á mobilización social da cidadanía pero non de calqueira xeito, senón que a queren sumisa e dócil ás consignas que emanan das organizacións políticas tanto en tempo coma nas formas precociñadas polos respectivos programas i estratexias.

Así, cando a cidadanía cre que pode falar nos medios ou berrar nas rúas as súas propias consignas (as que máis apretan o seu zapato) é inmediatamente silenciada (ben nas redes sociais, ben en vivo i en directo nas concentracións e actos públicos) polos que detentan o poder de convocatoria desa mesma esquerda acomodada nas Institucións do poder político.

Os métodos son variados pero básicamente son os mesmos do capital: "fala cucurucho, sempre que sexa no recuncho..." Por máis atinadas que foran as propostas deben gardar as formas e a oportunidade política para chegar aos medios de comunicación.

Non é que a esquerda se caracterice por un alto grao de corrupcción, cicais porque non tivo demasiadas ocasións para practicar, pero temos exemplos en calquera lugar sen ter que rebuscar moito. O BNG en Galicia ten pendente a materia da transparencia especialmente dende o seu paso polo bipartito, pero seica esta conta foi saldada coa demisión dun vicepresidente do que xa ninguén sabe siquera o seu nome... Así é como se bota terra ao conto!

Pero sigamos un paso adiante, a esquerda inunda as redes sociais con intelixentes denuncias das violacións dos dereitos humanos mentres son os primeiros en BLOQUEAR ao disidente. E haberá que recoñecerlle certa práctica nestes menesteres. Os anos de clandestinidade, cicais, foron bo taller de aprendizaxe das estratexias de bloqueo e censura previa.

Basta matar ao mensaxeiro e a metade do problema quedará resolta.
Os ataques ad hominen soen ser fulminantes: e tí quén ves sendo?  Bastará unha pregunta coma esta para descualificar calquera crítica fundamentada que chegue a ver a luz do día.

Claro, o que fai crítica ten que ser infiltrado do capital, senon como vai ser posible tamaño atrevemento: levarlle a contraria a quen detenta o poder de representar á única esqueda real existente no taboleiro político actual? 

Se non estás con eles estás contra eles... o sectarismo foi sempre un rasgo esencial desta esquerda de cafetería-bar connatural ao minifundismo das formacións políticas que din soñar cunha nova configuración social sermpe que sexa dócil e sumisa aos seus interes de clase (de clase política).

Agora temos localizado ao inimigo de clase!  Que non é nin PP nin PSOE nin siquera CiU ou PNV... o inimigo é calquera compañeiro ou compañeira de viaxe que se atreve a facer crítica en voz alta! 

-- ¿Quen vés sendo? 
--  Ninguén.

Agora temos as mans libres para seguir meténdoas na caixa (da resistencia), os que non alcanzan cifras de escándalo teñen que se conformar con cantidades moito máis humildes, pero que seguen sendo un dislate para o neglixente traballo que din realizar: unha moción ao mes nun concello calquera, dous comunicados na prensa alternativa e vintecinco tuits mensuais, equivalen a 38.761 euros anuais libres de retencións. 


Claro que para acceder a este salario a xente traballa máis de 40 horas semanais, con 21 días de vacacións e cómpre descontar o IRPF, e facer algo que produza plusvalor ao capital se queren renovar contrato.

Pero eles non, eles predican un "home novo" que aínda estamos a construir e por iso teñen bula para ditaminar quen é digno de abrir a boca e quen non ten dereito siquera á palabra. 

Eles disfrutan dun contrato blindado por catro anos de "inoperancia deliberada" na sempiterna "oposición".

Velaí o problema da esquerda:  queren controlalo todo, saber quen es, que pensas, como vives... pero eles non teñen que render contas ante ninguén, son os profetas dun tempo que está por chegar, e mentras chega teñen dereito a mellorar a súa precaria situación...

Quen pode crer a esta tropa...?  Velaí o problema da "esquerda".

3 comentarios:

  1. Curiosa intervención defensiva de Alberto Garzón -Coordinador de IU, miembro del PCE y diputado de UnidosPodemos-

    "Los comunistas hoy no incurren en contradicciones por tener el último iPhone, él tiene uno. “Tenemos que vivir con el ejemplo pero eso no significa odio hacia a lo material. El comunismo se plantea como superación del capitalismo, no como paso a una sociedad primitiva”

    Me temo que los "primitivos" somos quiénes no disponemos de iPhone ?

    ResponderEliminar

Para navegar cómpren dous remos...