domingo, 1 de abril de 2012

Amnistía fiscal: Mafia gubernamental



Dende o 15M teño unha estrana sensación no corpo. Semella que abrimos a caixa de Pandora e lonxe de ir conxurando as desgracias para que non volvan nunca máis, algúns están a facer exhibición do DESASTRE e mesmo disfrutan extendendo o medo a toda a poboación.

Administran con precisión tódalas denuncias que xurdiron en liberdade na Sociedade Civil e, coma se dun búmerang se tratara, devólvennos cada día un titular "desgraciado" e o poñen en relación coas nosas aspiracións a vivir nun Estado Democrático de Dereito. 

Dixemos que a lei electoral había que cambiala (nin caso fixeron) mais agora devolvennos vía eleccións andaluzas e asturianas os pactos por debaixo da mesa, cando sabemos que ese non é o camiño.

Dixemos que non rescataríamos banqueiros e o único que escoitamos é a inminente subasta das caixas, reconvertidas en bancos nacionalizados de facto, mentres os banqueiros fan públicas as súas cifras de beneficio e mesmo son os que animan ao goberno a subastar os aforros da cidadanía (no caso das "preferentes" o corralito xa está funcionando perfectamente!)

Dixemos que tíñamos dereito a unha vivenda digna (e alugueres decentes) e devólvennos tímidas recomendacións aos banqueiros para que fagan "caridade" só nos casos de extrema indixencia (aceptando voluntariamente a dación en pago só un minuto antes de ter que facerse cargo da situación vía asistencia social). Ordeñan a vaca ata ós osos e logo dinlle que busque un prado!
Pero se atopas un prado vizoso seguen ordeñándo ata a extenuación.

Dixemos que estabamos fartos de corrupción política e regálannos cada día cun novo segredo de sumario (e mesmo cando se levanta o segredo actúan contra a escasa prensa libre que se atreve a publicar o que calquera administración democrática debera facer público de oficio). E vemos como os condeados por prevaricación e estafa teñen abertos 24 xuízos máis e seguen tan ricamente en liberdade apelando ao Supremo... mentres da ristra de "imputados" xa todos sabemos que é para defenderse mellor... vaia un país de fiar que temos!

Dixemos que queríamos transparencia e abren unha páxina web na que din recoller as opinións da cidadanía para mellorar a "lei de transparencia e bo goberno" na súa tramitacion parlamentaria anunciada para o fin da lexilatura (cando levan 100 días reventando o Estado de Benestar). O malo de tanta transparencia é que cando envías unha suxerencia ao día seguinte xa non admiten máis comentarios (a páxina dá erro contínuo). Semella que os únicos comentarios pertinentes son os que non se fan!

Dixemos que tiñamos cinco millóns de parados e que precisábamos dunha "economía social" para sair da crise, e preséntannos unha Reforma Laboral que non deixa títere con cabeza, agás encher os petos dos "empresarios" cos cartos que os propios traballadores aportaron ao longo da súa exigüa vida laboral, suben o IRPF daqueles que aínda temos o "privilexio" de cobrar tódolos meses unha nómina -pois o dereito ao traballo agora está convertido nunha obrigación moral para levantar o país que eles mesmos afundiron coa súa política suicida de especulación do solo- e cando protestamos e exercemos o dereito á folga, devólvennos miradas asasiñas coma se non tivesemos corazón nin conciencia da grave situación que vive o noso país.

Supoño que en breve enfrontarán a empregados e parados, para seguir metendo man á carteira dos primeiros á vez que adelgazan os subsidios dos segundos e, eso sí, anuncian a bombo e platillo unha "amnistía fiscal" (ilegal segundo o artígo 31 da Constitución) para salvarlle o pescozo a tódolos defraudadores do ladrillo (en negro) que tanto beneficio disque produciu aos mesmos que agora veñen a salvarnos.

E mentres tanto na prensa diaria e nos telexornais volven unha e outra vez a falar da prima de risco (ogallá fose a de don Vicente) e en pouco máis de 24 horas cadran as contas macroeconómicas coma se fosen ristras de chourizos. Semella que o único importante é poder pagar ao 4,5 ou o 5% os cartos que o BCE presta alegremente ao 1%. Nós tamén queremos ser banqueiros, pero NON, a banca pública (que tamén pedimos) é xa un anacronismo segundo pontifican a diario os falabarato.

Dixemos que tiñamos a obriga de construir un mundo novo, máis sostibel e máis humano, e fálannos de competitividade co sudeste asiático, mesmo alaban o modelo educativo de Corea do Sul (onde os rapaces compiten dende o xardín de infancia!) e seica imos buscar petróleo nas Illas Canarias aproveitando que o prezo da gasolina alcanza o seu máximo histórico!

En fin, para que seguir coa narración dos feitos, se temos un ministro de educación que vai liquidar a escola pública por vía de excelencia académica... Cando os subsecretarios son fillos do neoliberalismo, estamos perdidos.

Todo esto non é máis cunha alucinación colectiva provocada pola manipulación informativa que padecemos: os anti-sistema en Barcelona ocultan deliberadamente o feito de que a Policía empregou por primeira vez gases lacrimóxenos contra unha manifestación legalmente convocada o día da Folga Xeral. O mesmo día ás portas de Citroën en Vigo, a policía democrática agredía a un xornalista que cubría o revelador paro xeral na factoría máis grande de Galicia. Mentras as emisoras de radio repetían machaconamente o dereito ao traballo dos escasos esquirois que sempre atopan o seu día de gloria mentres os demáis participamos pacífica e libremente dunha bendita folga xeral.

Semella que o mundo vai ao revés. Empregan os puntos e as comas da lexislación común para impedir o dereito de reunión, a liberdade de expresión, a liberdade de información... e ao mesmo tempo cercenan "dereitos constitucionais" (ao traballo, á vivenda, ao salario digno, á liberdade sindical e de folga, á progresividade na igualdade tributaria, á libre circulación e ao exercicio das liberdades civís...) con total IMPUNIDADE!

Día a día vaise instalando o discurso do estado de EXCEPCIÓN: a "crise" é excepcional, e por sí mesma xustificará calquera actuación gubernamental sexa esta legal, alegal ou mesmo paralegal. Lembremos que o primeiro Estado de Alarma da democracia foi instigado polo que hoxe ocupa un lugar de honra coma máximo imputado no sumario da Operación Campeón (daquela demonizaron aos contralodaroes sobrecargados de traballo para poder librarse deles mentras abrían o melón da privatización de AENA para favorecer aos compinches da mafia empresarial cuxa sombra alongada abrangue á financiación de tódolos partidos políticos).

O experimento saíulles ben e daquela a poboación arremeteu contra traballadores indefensos que viron militarizados os seus servizos. Agora vemos como o que é un dereito constitucional comeza a ser posto en solfa en aras da "salvación económica" do país, e, senon me equivoco, o seguinte paso será enfrontar aos traballadores por conta allea contra os funcionarios que verán desaparecer os seus postos de traballo por mor dos recortes orzamentarios (na Administración Central e nas Autonomías) pois o señor Montoro coñece perfectamente en que consiste a excedencia forzosa (por iso non recorta o soldo dos funcionarios, bastará con envialos un ano, dous ou tres ás súas casas mentras eles salvan a Patria!).

Unha vez feita a limpeza de sangue: autónomos e pequenos empresarios poderán recuperar os seus dividendos grazas á precarización do emprego e ás subvencións que recibirán do goberno amigo. CIU xa comezou a traballar en Catalunya.

Cómpre REACCIONAR e facelo con sensatez. O Estado de Dereito non pode converterse nun Estado Totalitario de Dereito (no que algúns determinen unilateralmente cales son os dereitos e as liberdades propias dun pobo). Se queren seguir a súa folla de ruta que a sigan, pero nós DEBEMOS sentalos no banquillo da Historia.

É tempo de Desobediencia Civil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para navegar cómpren dous remos...