Da liberdade de expresión e do gueto mediático

De porque Galica non conta con medios de comunicación verdadeiramente libres e independentes.
 


Se escribo estas liñas é para reflexionar sobre o comportamento dos usuarios nos medios dixitais en Galicia. Somos moitos os que estamos preocupados polo futuro dos medios en galego e o que aínda é máis grave polos ataques contínuos á liberdade de expresión na nosa Terra.

Os medios convencionais contan con mil formas de eliminar as discrepancias na rede. Basta filtrar as mensaxes censurando directamente as que non concorden coa súa liña editorial, ou publicalas coa demora suficiente para que ninguén as lea, tamén poden aparentar certa permisividade coa crítica para a continuación botarlle os "cans" ao disidente, senon traballan directamente para o medio forman parte da súa rede de influencias e teñen o costume de atacar ao incauto discrepante a base dunha escollida ristra de falacias ad hominen das que canto máis te defendes máis quedas marcado para sempre na rede.

Esta estratexia foi sibilinamente empregada nos foros de El País cun éxito evidente. Existen outras fórmulas aparentemente moi abertas que empregan os grupos editorias que manteñen varias cabeceiras: os foros e blogs asociados ao periódico. Deste xeito apenas un 10% dos lectores do diario chegan a descobrir que exiten estes "lugares recónditos" onde podes opinar cunha difusión semellante á que tería unha pintada na porta dun WC (nesta liña está o Grupo Prensa Ibérica dono do Faro de Vigo e Opinión Coruña). Outros publican comentarios -cando non os censuran- pero discrecionalmente ao cabo dalgún tempo elimínanos do servidor (Xornal de Galicia), e así poderíamos seguir repasando os distintos medios dixitais na nosa Terra.

O tema non é a "liberdade aparente" o tema é a "liberdade de expresión" pois sen ela dificilmente unha sociedade chegará a facerse adulta e madura democráticamente.  Algúns botaron man do que chaman editores "non xerárquicos" de noticias (tipo menéame ou chuza) e dime de que presumes e direiche de que careces a persares desta reseña faríades moi mal se pensades que Menéame é un lugar neutral políticamente (é a cousa máis PSOE que vín na miña vida!) pero como o número de usuarios e de noticias é tan inmmenso ás veces funciona correctamente...

Lamentablemente en Galicia o número de usuario é moitísimo máis reducido e os que podamos estar interesados en cuestións políticas moito máis reducido aínda, así ao cabo dun tempo case todos o mundo tropeza nos mesmos lugares coas mesmas ou semellantes persoas e as cousas comezan a cheirar a podre en Dinamarca!

Xa cheiraban cando Chuza era Chuza... e logo do abandono sen explicacións do seu creador, Berto Yáñez, outros quixeron recoller o testigo pero o único que fixeron foi pecharse aínda máis sobre sí mesmos e volverse un gueto no que agás que defendas o reintegracionismo, estás perdido! Tódolos sistemas que empregan o famoso algoritmo que otorga karma negativo aos usuarios da rede remata por pervertir a liberdade de expresión conventéndoa nun xogo de adolescences... o malo destes xogos é que nos estamos cargando a independencia de criterios e no fondo conseguimos crear guetos que antes ou despois terminan morrendo de pura autorreferencia ou simple inanición...

Ata aquí os antecedentes de feito, e agora unha pregunta: por que en Galicia non temos medios de comunicación independentes con proxección de futuro e capaces de competir por dereito nas redes ou nos quioscos?

Supoño que a resposta é evidente. Cando un proxecto inicia a súa andaina reclama a presenza de usuarios que o fagan posible (suscrición, participación, difusión...) para poder existir. Este efecto chamada leva aparellado a causa mesma da morte dos medios. Algúns, disque defensores do galego e da nación, séntense na obriga de acudir á chamada sempre que consideren que o proxecto reúne os requisitos previos para darlle o seu apoio.  Estas condicións vólvense draconianas cando o proxecto acada unha masa crítica suficiente como para camiñar sen eles... non son capaces de entender que o mundo é redondo e dá voltas tódolos días, non poden permitir opinións ou intepretacións que non sexan as súas propias, son xentes traballadoras e disciplinadas, pensan que deben manter a pureza do medio e defendelo contra vento e marea de calquera "intruso" e vólvense a causa da morte dos medios!

Queremos un medio independente e cando estamos a piques de conseguilo revirámonos contra a "liberdade de expresión" e volvémonos sectarios da peor caste, furibundos defensores dunha pureza que non existe máis que no fondo da rede e que só é froito da virtualidade de longas noites de insomnio como internautas.

Teño a seguridade de que todos estes defensores da nación cando saen da casa mudan coma serpes a súa pel, pois do contrario este noso país sería moi semellante á república dos soños de contar con tan aguerridos combatentes día e noite. Pero xusto vemos o contrario. Vemos a morte dos medios en galego porque non hai quen os merque ou porque non somos capaces de mantelos vivos e independentes de tutela allea, e rematamos por converter bos proxectos en lugares mortos pola autocomplacencia, mira que ben estamos todos dicindo e pensando de xeito semellante... mira como gardamos silencio por medo a dicir o que realmente estamos pensando, e é así como a máis de matar o proxecto matamos a liberdade de expresión nesta Terra!

Sinto como alguén sorrí lendo estas liñas: son os propietarios dos medios convencionais, que durmen felices e contentes de non ter competencia, de ser os únicos que poden establecer a súa opinión suvencionada nos quioscos tódalas mañás...!

En Galicia algúns son eternos defensores de castelos baleiros, poboados de pantasmas, e cando chega alguén de fóra e pregunta se alugan habitacións... respondémoslle enoxados: aquí non aceitamos nin VISA nin queremos colonos... o castelo só ten pedras pero querémolas ver esmorecer porque son nosas... Vaite e non volvas!

E foise porque ninguén quería falar con el... porque todos tiñan as ideas moi claras do que farían co castelo e de como ían vir os turistas a centos, e do prezo que terían que pagar por vivir nel, e mesmo xa tiñan unha carta con productos autóctonos, e o pazo chegaría as ser emblema do país e as súas torres coroadas mesmo veríanse dende a lúa...

Máis eran soños... lástima daquel país que perdeu a capacidade de sorrirlle aos forasteiros...!


Nota Bene:

Algúns entenden que a "liberdade de expresión" só pode exercerse debidamente asinando con nome e apelido. Os que máis defenden esta teoría empregan varios alcumes e cámbianos a cotío para vivir aínda máis pegados ás pedras que esmorecen no castelo, mesmo pensan, coma o ladrón, que todos son da súa condición e atribúenlle aos visitantes o emprego de identidades falsas e vixían dende as arruinadas almeas por se divisan alguén con diferente camisola e comezan a tirarlle pedras dende o alto da miseria... 
 
Pero aquel visitante non tiña intención algunha de falar co eles... só pretendía dirixirse ao dono do pazo e increpalo pola vergoña de ter unha xoia arquitectónica nesas condicións de abandono mentres seica presume de Ilustrado...
 
Algúns entenden a liberdade de expresión xusto ao revés...!

1 Comentarios:

  1. Este artigo vai dirixido aos usuarios dun espléndido proxecto de comunicación que está a piques de botar a andar soíño.

    Chámase Galicia Confidencial e desexamos que se converta no medio INDEPENDENTE e LIBRE que precisa Galicia para enfrontar o século XXI con CONFIANZA no futuro!

    Saúde e Boa Fortuna.

    ResponderSuprimir