Cando leo os lamentos de algún "intelectual" que regresa á docencia e a topa convertida en burocracia administrativa e ante o novo alumnado queda sorprendido de que os pais non teñan coidado da educación dos fillos, e cando observa a situación da súa propia figura coma docente-pito-do-sereo ao cal ninguén fai caso e logo destas atinadas observacións sobre a deriva do ensino público en Galicia bótalle a culpa dos males ao actual des-goberno da Xunta, pois seica foi o Decreto chamado do plurilingüísmo o causante da desfeita...
Un que leva padecendo ao pé do canón estes inefables anos de mudanzas lexislativas sen par, un que está afónico de mandar calar aos rapaces que confunden as aulas coas cafeterías, un que padeceu a torpeza das forzas vivas do país cando gobernando o chamado bi-partito pensaron que esto da educación e da defensa da lingua propia era cuestión de Decretos, un que xa está a piques de abandoar o barco cando observa como insignes pedagogos que daquela falaban dun ensino comprensivo que debera atender a cada rapaz dende a súa situación de aprendizaxe propia aínda que para elo o profesor tivera que realizar cantas adaptacións curriculares fosen precisas con tal de acadar o éxito do seu alumnado; agora observa coma os mesmos cans veñen falar da excelencia académica como táboa de salvación para a educación pública... e propoñen avaliacións externas ao sistema para promover a competitividade e garantir a obxectividade que eles mesmos se encargaron de botar por terra...
Cando isto sucede, un só pode dicir con certa parsimonia: benvido á selva!
Para sobrevivir nesta xungla mediática na que a atención desprázase sempre a quen detenta máis tirón social (escritores subvencionados, dramaturgos sen traxedia, comediógrafos de salón, músicos sen obra, cantantes de verbena...) por máis que un quera falar do que sabe se só es profesor de secundaria vas fodido, meu amigo, ninguén ten tempo para ler o que escribes ou interese algún en compartir os fallos cometidos por todos neste grave asunto que hipoteca o futuro dos fillos, os valores da sociedade de mañán, os dereitos e tamén os deberes dos escolares e das familias sexan hetero, bi, homo ou monoparentais que para o caso o mesmo nos dá.
Mudaron as tornas neste asunto e, ao meu xuízo, foi o lexislador inexperto quen leva a carga da proba pois non vín, agás excepcionalmente, grupos de 20 alumnos por ningures... por máis que agora algúns veñan coas lerias de que aquelo de rebaixar a ratio profesor-alumno fose unha conquista obxectiva desta funesta lexislación... Só accidentalmente -e por descoido- algúns centros escolares periféricos das grandes cidades tiveron durante estes anos grupos inferiores a 30 persoas.
Gostaríame contar coas estatísticas, mais en España iso de manexar datos é cousa do Ministerio de Educación mentres as CC.AA. a pesares de ter plenas competencias aínda non están pola labor de practicar a transparencia na gobernanza dos asuntos que atinxen á Cidadanía, por algo será... algo farán coas cifras, que nunca cadran.
Mentres algúns "ilustrados" da terra galega ían facer currículo artístico-cultural á metrópoli madrileña (coma sempre na nosa historia recente esta paixón convértese nunha viaxe de ida e volta) os que aquí padecemos a inxustiza do abandono dos nosos irmáns maiores tivemos aínda que soportar aldraxes sen conto por renunciar a impoñer manu militari a nosa lingua nai nas escolas das vilas e cidades nas que o alumnado é maioritariamente castelanfalante... "Vaite pa Madrí" berraban indignados cando alguén defendía a liberdade lingüística nesta terra orfa e mentres as obras dos ínclitos escritores eran traducidas ao español, multiplicando as edicións, aquí negábasenos o pan e o sal cando defendíamos a tese de que Galicia é e será sempre bilingüe!
Pero coma sempre algúns miraban o dedo mentres se lles estaba a sinalar a lúa: como íamos facer unha escola pública de calidade se nos movíamos entre o meu e o teu, se as únicas preocupacións de alcance eran se dabas a clase en castelán ou en galego, se os libros de texto eran dunha ou doutra editorial, se o señorito Bill Gates aínda non traducira o "Xanelas" ao noso idioma, e tantas e tantas liortas... encabezadas por un señoritingo ao que deberamos pasarlle factura por meter á lingua e á cultura galegas en estreitos corredores administrativo-xudiciais, mentres o resto do pobo seguía a mirar a televisión e botaban de menos o Lúar.
Mentres as soflamas escribíanse en El País, aquí morrían misteriosamente en silencio medios de futuro coma VIEIROS no que aprenderon a escribir e usar o galego miles de cidadáns do novo século, e a ninguén lle importou. Víamos impotentes como SARGADELOS era fagocitado polos especuladores que fixeron da experimentación dun home bo e xeneroso un pelotazo transnacional digno de vodas e actos protocolarios e de compromiso social (quen non ten un buho de Sargadelos).
Outros que levaban máis dunha década piando baixiño no Congreso dos Deputados regresaban á Terra que xa nin coñecían de tanto soñar con repúblicas inexistentes. E falando de independencia esqueceron que os galegos tamén comen e beben e viven coma calquera outra persoa neste mundo onde as moquetas e os coches oficiais móvense á velocidade da luz. E ardeu Galicia e ninguén dixo nada!
Miles colleron o camiño da emigración, agora chamado Erasmus, e foron dar froito a países europeos que nin coñecían antes de acadar o seu primeiro contrato en firme. Canta ilusión perdemos por mirar sempre para afora. Seica existen universidades estranxeiras nas que o nivel de galego é excelente mentres aquí falabamos do Bierzo e da Extremadura!
É lástima que os galegos teñamos o acordo tarde, é lástima descobrir a propia terra dende fóra, soñar dende Graz ou Nüremberg cos vales do Courel ou co mar de Viveiro, saturar con gaélicos pubs as noites da Coruña, Ourense ou Pontevedra. Disque agora os percebes do Roncudo pódense mercar en forma de paté, e as castañas seica chámanse marrón glacée. Pero a educación non é só mirar para fóra, cómpre saber quén somos e o que podemos facer no mundo por nós mesmos!
Cómpre viaxar lonxe amando á Terra! Pero non aprendemos... estamos contentes subvencionando viaxes a Inglaterra para que os cativos aprendan a lingua franca dos novos ricos (para ós que rematarán traballando de asalariados) e ao mesmo tempo despedimos profesores galegos sobradamente preparados porque non temos cartos para mantelos.
Ningún país do mundo é tan estúpido coma o noso! Seguimos a padecer o papanatismo do alén cando temos un mundo enteiro a carón da casa por descobrir! Estragamos montes e corredoiras seculares para abrir pistas que ninguén conservará, pois van a ningures! Permitimos que algúns espabilados enchan os petos co Eixo Atlántico mentres desaparece o comboio que unía Vigo con Portugal, facemos autoestradas que máis aló de unir, separan aos ricos dos pobres facendo do territorio un mar de encrucilladas onde perdermos a identidade con tanto letreiro: Boiro Sur, A Pobra Norte, Corcubión Prestige, Gaíás Centro...
Mentres seguimos a predicar no deserto: a verdadeira excelencia académica témola nos nosos centros escolares se permitíramos aos docentes facer con dignidade o seu traballo, se non aforrásemos unha vez máis o chiculate do loro, se a sociedade galega quixera porse en pé e dicir: basta xa de tanta estupidez!
Resistir é o camiño para acadar a liberdade.
Confiade en vós mesmos!


Comparto o que dis. E iso sen deixarnos levar do xenio! Que o día que estoupemos os mansos vaille roncar o carallo!
ResponderSuprimirCerto Mario, ese día está chegando sen solución... apretan e apretan ata reventarnos!
ResponderSuprimirPenso que deberamos extender a INDIGNACIÓN ás aulas e dicirlle á sociedade que xa basta de xogar co futuro dos rapaces e da nosa profesión...!